miércoles, 10 de febrero de 2010

Unha entrevista

Hoxe tócalle o turno a algo un pouco fora do que actualmente publico neste blogue. Hoxe vou poñer un fragmento dunha entrevista realizada por min mesmo no que se conta un pouco a vida durante a Guerra Civil e a Posguerra. Foi realizada en Ferrol en xaneiro de este ano a Dorinda. A entrevista é moi longa, así que igual fago máis posts.

Pode recordar algo da Guerra Civil? Cónteme algo do tema.
Podo, cando se empezou a guerra, aquí onde está a casa, estaba todo de centeo, estaban segando. Enterámonos de que comezara a guerra porque empezaron a baixar coches pola “carretera”, pero moitos coches do exército; e os que estaban segando aquí marcharon todos para o monte que tiñan medo que os levaran. Pouco despois xa había “cañonazos” en Ferrol.

Pero como sabe que había guerra?
Eu penso que daquela xa se correu todo… empezouse o 21 de xullo e despois os homes algúns foron á guerra e outros escaparon. Mira, o meu home eran 3 irmáns e un libraba porque a nai morréralles, pero un foi á guerra e non sei se estaba en Madrid e collérono os roxos; ó meu home tamén o chamaron, pero fíxose o coxo, e andaba coa muleta e librou; coma el había máis. Tamén houbo algún veciño de aquí se fixo o xordo e outros que escaparon para poder librar.

Como se viviron os meses que durou a guerra?
“Bueno”, por aquí andaban os escapados dun lado para outro, pero nunca nos fixeron nada. Acórdome dunha vez que estabamos nós sachando e sentíanse os tiros aí ó lado de Vilar de Mouros e mataron a un home. Eu tiven que ir algunha temporada para Guitiriz porque un cuñado meu estaba na guerra, no frente ademais, e eu ía para axudarlle á miña irmá que tiña dous ou tres nenos e máis atender a facenda; un deses nenos trouxérono para aquí para a casa de miña nai e criouse coa “abuela”, xa nunca volveu con seus pais.

Pero houbo combates por esta zona?
Non moito, andaban os falanxistas na busca dos refuxiados, non foi como noutros sitios.

Que recorda da España da Posguerra?
Cando me dixeron que se acabara a Guerra foi o 1º de abril, aínda que despois puxeron de festivo o 1 de maio. Ó acabar a guerra houbo uns anos de fame, os anos 41 e 42 foron moi malos, moita xente o pasou moi mal.

Como se viviu a fame e a represión durante a Guerra?
Aquí non se pasou fame pero non comíamos como agora, se vamos a iso, agora comemos como se dicía antes, de patrón todos os días; comíamos caldo e pan e leite, pero eramos oito irmáns e non recordo de pasar fame, iso si, tamén eramos moi traballadores.

Vostede de aquela vivía en Porcar, pasouse fame por esa zona?
Non, non sei, desde que viñemos para aquí comíamos pan solo, que agora, quen come pan solo? Xa che digo, non comíamos coma agora, pero non pasábamos fame.
Como se sabían as novas de cómo ía a situación no resto de España?
Meu irmán Antonio, comprou unha radio, pero creo que xa se acabara a Guerra e falaba a Pirenaica, e alá en Porcar aínda ían os veciños escoitar tamén; dicían que non se podía poñer na Pirenaica.

Como se enterou de que acabara a guerra?
A min contáronmo, todos dicían que se acabara a Guerra… e despois tamén, empezaron a vir homes e xa dicían que acabara a Guerra.

0 comentarios: